Vento Mareiro
Á orixe dun nome
Vento Mareiro é moito máis que unhas palabras murmuradas entre cepas, é un concepto eterno que aloumiña o Val do Salnés e forxa a nosa identidade familiar.
Cando Pepito Durán, o pai de Roque, e o poeta Ramón Cabanillas se cruzaban polas rúas de Cambados, saudábanse cun expresivo: «Que vento mareiro vai!». Ramón Cabanillas, o gran poeta galego, nacido en Cambados e que modernizou a poesía galega, levou a expresión «Vento Mareiro» -propia da comarca do Salnés e da Ría de Arousa- á lingua común de tódolos galegos. Con ela, bautizou un dos emblemáticos libros da poesía e da cultura galega, «Vento Mareiro» (A Habana, 1915).
Así comeza a dedicatoria da 1.ª edición de Vento Mareiro: «A ti, me Cambados, probé e fiadlo e soñador que, ó cantareiro son dos pinales i ó agarimo dos teus pazos lexendarios, dormes deitado ó sol, a vería do mar».
Sono dourado
Para miña muller
¡Ou meu sono labrego! Unha casiña
preto do río, ó abrigo dos pinales,
con piorno e alboios nos currales
e palleiros na eira e na curtiña.
Ó pé da casa un muíño cantareiro
ó son da lira de ágoa que enche o caño,
baixo o maino agarimo dun castaño
e os amorosos brazos dun cruceiro.
Todo ó longo da aberta do muíño
tortas e vellas cepas de albariño
cos asios mestos no bendito outono.
E un ferrado de terra por facenda
pra prantío e xardín, libre de renda,
diesmo a Dios, sin foreiro nin máis dono
Groria e lecer da casa, unha lareira
en que arderan enteiros os carballos,
arrodeada de afumados tallos,
con forno cheo e forte gramalleira.
E do inverno nas noites, cando o vento
nos altos pinos seus doores laia
e misteriosa rube dende a praia
a rouca voz do mar, no antigo asento
de meus avós labregos e cristianos,
presidindo o rueiro de aldeanos
que a relocente labarada doura.
(…)
Ramón Cabanillas: «Vento Mareiro»
(A Habana, 1915)
O nacemento dunha tradición
Relatos do mar, contados en terra
Principios do s. XX – 1980
Esta historia podería comezar no antigo lagar de Sisan, onde os bisavós maternos facían viño e na casa de montaxes da familia Durán, fronte á igrexa de Santa Mariña en Cambados. Xente de mar, con terras e taberna, desde finais do século XIX. A comezos do século XX foron dos primeiros en pescar a sardiña coa arte do cerco para vendela fresca e en conserva. E na década dos anos 20 os avós «roquiños» foron os primeiros en contratar e pagar a seguridade
social aos seus mariñeiros.
Na década dos anos 50, únense Pepito Durán con Carmen Martínez, filla de tratantes de gando en San Martiño de Meis e agricultores con viñedos. Nos años 60 abren a súa taberna en Cambados, cunha pequena adega onde venden o seu espadeiro e un pouco de albariño. Nos anos 70, comezan a participar na «Festa do albariño», pero a súa actividade principal segue sendo a pesca ata a década dos oitenta.
1980 – 2000
Na década dos oitenta, Roque chega á Universidade e ao mesmo tempo empeza a modernizar o albariño artesanal dos seus pais, participa na creación da Denominación de Orixe Rías Baixas e na «revolución» agraria e vinícola que se viviu no Salnés neses anos.
Unha vez licenciado en Xornalismo e en Dirección Comercial, comeza a súa actividade profesional en 1987 como xornalista de TVE en Galicia, establece a base empresarial a crea con personalidade propia e deseño recoñecible o Albariño Vento Mareiro en 1989.
Na década dos noventa, Xosé Ramón Durán (Roque) empeza a involucrarse no mundo do viño. Participa na creación da Ruta do viño Rías Baixas, promove a Asociación «Adegas do Salnés» sendo escollido vogal do Consello Regulador, onde foi o promotor da «cata-concurso das anadas», para poñer en valor a tradición dos albariños de máis dun ano.
2000 – 2015
No ano 2000, promove e participa nunha das primeiras campañas de venda mediante unha TPV virtual, co slogan: «Un euro polo galego», doando 1 € por cada botella vendida no mes das «letras galegas». Neses mesmos anos, chéganse a acordos para ampliar as plantacións de viñedo en Sisan, Xil e Ribadumia.
Foi no 2007-2008 cando a Asociación de Interese Económico (AIE) “Terra de Asorei< /a>”, como a unión de varias adegas familiares, sendo Roque o seu presidente. Un dos seus obxectivos é elaborar, crear marca e comercializar os seus Albariños a nivel internacional.
2015 ata hoxe
Posteriormente, esta Asociación pasará a ser “Adegas Terra de Asorei” comprando algunhas instalacións dunha adega en 2015, e exportando hoxe a máis de 22 países. Actualmente, o noso “Vento Mareiro” elabórase nestas instalacións de San Martiño de Meis, sendo a “Colleita Limitada” do fundador.